|
O principal atractivo da gastronomía banduense é a súa variedade, unha forma de cociñar familiar e cariñosa, artesanal, pausada e abundante, preparada con productos naturais, aproveitando a riqueza dos montes e ríos (coello, perdiz, troitas, setas, castañas, etc). O lacón con grelos con patacas e chourizos é unha das comidas máis típicas durante os meses fríos, dende San Martiño, a primeiros de novembro, ata o martes de Entroido. Outro prato destacable é o cocido galego, composto de xamón, carne de vaca e galiña, chourizo, con verzas ou repolo, patacas e garavanzos. Os productos hortícolas e froiteiros, o porco, o cordeiro ou o cabrito forman parte da dieta diaria. Non nos podemos esquecer da exquisita elaboración da repostería: roscón, torradas, filloas, orellas de Entroido e requeixo. Pódese terminar esta breve ruta pola gastronomía cunha dixestiva e reconfortante queimada.
|